Medio Rural apoia o Polo de Innovación Dixital do sector agroalimentario promovido por Gradiant e o Campus Terra da USC

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, xunto co director xeral de Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicaciones de Galicia), Luis Pérez Freire, reuniuse este venres coa conselleira de Medio Rural, Anxos Vázquez, coa intención de presentar o polo de innovación digital no sector agroalimentario que botará a andar a próxima semana en Lugo. Vázquez sinalou que a Consellería colaborará cun proxecto coma este que coincide coa filosofía da Xunta de apostar pola modernización do sector primario e do impulso das TIC.

De feito, Galicia conta con numerosos exemplos de aplicación desta innovación digital no sector primario e tamén cun bo número de centros de coñecemento e empresas tecnolóxicas capaces de ofrecer solucións. Por iso, o obxectivo agora é poñer en común todos estes axentes para colaborar e que as conclusións resultantes teñan un verdadeiro impacto no sector. “Temos as ferramentas, agora imos a aliñar e organizar os esforzos”, sinalaron os organizadores.

Pola súa banda, a titular de Medio Rural felicitounos por esta aposta decida polo campo, uns dos alicerces nos que se asenta a economía galega e que, segundo Anxos Vázquez, “non só ten futuro senón que pode ser líder e para iso é imprescindible innovar”.

Será o 6 de outubro, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus Terra, canto se presente este polo de innovación. Nesta primeira xornada, compartiranse experiencias prácticas e planificaranse as primeiras actividades concretas do traballo conxunto. En concreto, abordaranse as estratexias e boas prácticas no campo da innovación digital no sector agroalimentario, así como as plataformas temáticas de especialización intelixente para o sector agroalimentario.