A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, pechará na Casa do Saber unha sesión que servirá para definir os eidos da actividade deste polo e a súa estrutura de goberno.
O Campus Terra da USC e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) presentarán este xoves no auditorio da Casa do Saber de Lugo o polo de innovación dixital para o sector agraolimentario galego (Digital Innovation Hub, na terminoloxía da Comisión Europea) no marco dunha xornada informativa e de traballo que citará a representantes das administracións e tamén do sector privado. A Conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez participará na clausura desta sesión, que, entre outros cometidos, permitirá debater e avanzar na definición dos principais eidos de actividade e tamén da estrutura da súa gobernanza.
O Vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director de Gradiant, Luis Pérez Freire, e José Manuel Abella Anido, director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), abrirán esta xornada de presentación do polo de innovación dixital para o sector agraolimentairo galego cun breve acto inaugural.
A exposición dos obxectivos desta iniciativa promovida polo Campus Terra da USC e Gradiant, un polo de innovación dixital a través do que se busca favorecer unha colaboración aberta e áxil en aras a acadar unha maior competitividade para o sector agroalimentario, ademais de ampliar as oportunidades de negocio e o potencial exportador para os provedores tecnolóxicos, abrirá a quenda de intervencións previstas no marco desta xornada, na que tamén se analizarán novas posibilidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos
As estratexias e boas prácticas de innovación dixital no sector agroalimentario, como o son as plataformas temáticas de especialización intelixente para o sector, e as perspectivas da UE para o desenvolvemento do Smart Farming, son as cuestións que abordarán os representantes da Comisión Europea Jan Larosse e Ana Cuadrado Galván. De seguido, diversos relatores tratarán os programas de financiamento para a dixitalización dos sectores primarios, como é o caso da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia. A experiencia de aplicación de ferramentas TIC á compañía vitivinícola Martín Códax, o emprego de solucións dixitais na cooperativa agraria Os Irmandiños, e o estudo do caso de modernización dixital da industria leiteira Feiraco completan o abano de temas a debater no marco desta mesa redonda.
A sesión de clausura da xornada de presentación do polo de innovación dixital parar o sector agroalimentario galego, permitirá a confluencia do sector produtivo e transformador con provedores tecnolóxicos e de servizos, así como cos centros de coñecemento e innovación xeradores de solucións e melloras demandadas polo sector. Unha iniciativa que rematará coa presentación das conclusións acadadas.