O vicerreitor Javier Bueno; o director de Gradiant, Luis Pérez, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentaron a iniciativa no Campus Terra da USC
O polo de innovación dixital para o sector agraolimentario galego constitúe unha iniciativa promovida polo Campus Terra da USC e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) para, entre outros cometidos, potenciar a imaxe de Galicia no contexto europeo como rexión dinámica e innovadora neste eido, ademais dunha ferramenta acaída para impulsar a bioeconomía e a economía rural a través da fixación de actividade económica e da xeración de empregos de alta capacitación no rural.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director de Gradiant, Luis Pérez Freire, e a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, salientaron asemade que a posta en marcha deste polo de innovación dixital permitirá ao sector agroalimentario mellorar a súa sustentabilidade a través do uso das TIC, ao tempo que fortalecerá o sector TIC galego como provedor de solucións tecnolóxicas para o agro.
O fortalecemento do ecosistema de innovación en Galicia a través da existencia dun polo que actúe como ponte entre oferta e demanda, e tamén como canle de acceso a recursos para experimentación e formación, ou como instrumento de promoción de proxectos colaborativos e de xeración de masa crítica no sector agroalimentario galego son outros dos cometidos cos que bota a andar este polo de innovación dixital para o secto, tal e coma se puxo de manifesto este xoves nunha xornada de presentación na que participaron representantes da Administración e tamén da empresa privada e centros de investigación galegos.
O polo de innovación dixital para o sector agroalimentario galego nace, segundo remarcaron os seus promotores, como un socio estratéxico da Administración na implementación da estratexia RIS3 e tamén na articulación de medidas de apoio específica para o sector a través da innovación. A articulación dunha cadea de valor 100% galega e o posicionamento de Galicia como rexión líder en Europa no aproveitamento de políticas a prol do uso das TIC no agro son outros dos cometidos dunha proposta aberta á participación de todos os sectores implicados e coa que se pretende optimizar recursos xa existentes en aras ao aproveitamento de novas oportunidades aínda sen explotar.
A xornada de presentación do polo de innovación dixital para o sector agroalimentario galego reuniu no Campus Terra da USC máis de 80 axentes do sector nun foro no que, ademais das cuestións xa tratadas, tamén se abordaron novas posibilidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos
As estratexias e boas prácticas de innovación dixital no sector agroalimentario, como o son as plataformas temáticas de especialización intelixente para o sector, e as perspectivas da UE para o desenvolvemento do Smart Farming, centraron as intervencións dos representantes da Comisión Europea Katerina Ciampi e Ana Cuadrado Galván. De seguido, diversos relatores trataron os programas de financiamento para a dixitalización dos sectores primarios, como é o caso da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia. A experiencia de aplicación de ferramentas TIC á compañía vitivinícola Martín Códax, o emprego de solucións dixitais na cooperativa agraria Os Irmandiños, e o estudo do caso de modernización dixital da industria leiteira Feiraco completaron o abano de temas a debate nesta sesión.