Sobre o Polo

 

Os últimos avances de tecnoloxías innovadoras coma a Internet das Cousas (IoT) e os Data Analytics (incluíndo o Big Data), están a transformar a actividade dentro da cadea alimentaria, facéndoa máis intelixente e achegándoa ao concepto de Smart Farming.

A agricultura intelixente é xa unha tendencia imparable no sector primario que creou unha auténtica revolución na que os datos son o catalizador do cambio, xa que agora están dispoñibles en maior cantidade, rapidez e fiabilidade. Un cambio que xa comeza a ser palpable e dar os seus froitos: mellor planificación da actividade, optimización de consumos e recursos, redución do impacto ambiental, trazabilidade, mellora do rendemento da produción, coordinación entre todos os actores da cadea de subministro, etc.

Que é e para que serve

Un Polo de Innovación Dixital (Digital Innovation Hub, polo seu nome en inglés) é un ecosistema formado por pemes, grandes empresas, startups e aceleradoras empresariais, investigadores e inversores. A súa finalidade principal céntrase na de crear as mellores condicións no longo prazo para acadar o máximo de éxitos empresariais para todos os actores que participan do polo.

Por que é necesario en Galicia

Gradiant e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do Campus Terra, impulsaron no 2016 a creación dun polo de innovación dixital para o sector agroalimentario de Galicia, unha iniciativa clave para favorecer a futura sustentabilidade do sector na nosa comunidade autónoma.

Os obxectivos desta iniciativa conxunta pasan por establecer unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil para acadar unha maior competitividade para o sector agroalimentario, ampliar as oportunidades de negocio e o potencial exportador para os proveedores tecnolóxicos, ademáis de xerar novas oportunidades de capitalización do coñecemento xa existente nos centros de innovación e investigación de Galicia.

De cara a dar un paso máis, é preciso que os distintos axentes implicados no sector (produtores, transformadores, provedores de maquinaria, enxeñarías, centros de coñecemento e Administración Pública) colaboren de xeito coordinado, para poder aproveitar ao máximo as oportunidades e superar as barreiras existentes, coma son a mellora das infraestruturas de conexión ou a mellora das competencias dixitais.

Neste senso, o Polo de Innovación Dixital facilitará a confluencia (do lado da demanda) dun sector produtivo e transformador aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade con, (da banda da oferta) provedores tecnolóxicos e de servizos; e centros de innovación, xeradores de solucións e melloras demandadas polo sector.

Gradiant e a USC puxeron esta iniciativa en marcha durante unha xornada informativa aberta á sociedade, que tivo lugar nas instalacións da Casa do Saber de Lugo, no Campus Terra.